Lugar: Monte Medela-Fabás
CAPELA DE SAN XOÁN
Cronoloxía: Neolítico
No Monte Medela ou Coto de San Xoán, a 397 metros de altitude, érguese unha ermida construída, segundo figura sobre a porta principal, no ano 1793, onde se celebra unha romaría na honra do San Xoán Bautista.
Ao seu carón consérvanse dúas laxes provenientes, ao parecer, dunha anta, unha a ras do chan e practicamente tapada, e a outra fincada, segundo deixou escrito don Francisco Vales Villamarín, por térense considerado un marco divisorio entre as parroquias de Loureda e Paderne. Ao parecer, outros esteos foron reutilizados no adro, e a tampa crese que pasou a enlousar o piso do palco da música próximo, pechado na actualidade e convertido nunha caseta. O marco foi utilizado como obxecto de culto ao que se lle atribuían propiedades milagreiras, práctica que levou á Igrexa a erixir a ermida.